Esta web utiliza cookies para obter datos estatísticos da navegación dos seus usuarios.
Se continúas navegando consideramos que aceptas o seu uso.

 
 

La Guagua - amor por los niños

PARAMOS, PERO NO IMOS QUEDAR PARAD@S.

Agora mesmo todo o equipo de animación de La Guagua está parado, coma ten que ser, ao igual que o resto do sector, o cal é lóxico. Todo parece indicar que a nosa será unha das últimas áreas económicas en poder reiniciar a actividade e isto, aínda que doa recoñecelo, tamén é bastante lóxico. Somos conscientes de que o noso traballo, polo xeral, implica xuntar moita xente, contacto, relación social directa e demáis cousas que, polo visto, van estar censuradas durante un tempo. Así que non nos queda outra que asumir unha situación que non nos augura moitas alegrías no futuro próximo.

Pero resulta que desde que nos tocou, como á maioría de xente, quedar confinadas e confinados na casa, comezou unha cousa que me parece preciosa e que quero compartir con vós. En todo momento as xefas foron sinceras connosco, a situación está mal, pero isto lonxe de desanimarnos púxonos a todas e todos en alerta. Resulta que desde que comezou isto non hai día que alguén non propoña un baile, faga un vídeo ou invente unha actividade. Eu mesmo decídome a escribir estas liñas (por iniciativa propia) xusto despois de gravar un vídeo de felicitación a un neno que cumpriu anos en corentena. Prodúcese o feito de que non só facemos isto pensando en que a xente nos vexa e non se esqueza de nós no parón, facémolo porque nos encanta, porque nos da vida e porque estamos desexando poder volver a xogar e arrolar sen límites.

Hai uns días, a partir dunha pregunta sobre os cursos de monitor xerouse un debate precioso sobre o que fai falta na nosa profesión, o importante que é, como a percibe a xente e que temos que facer nós para que se tome máis en serio. Foi intenso, interesante e saudable. Foi, ademais, a constatación de que cremos no que facemos e no seu poder transformador.

En ningún momento ninguén pensou en termos de problemas con respecto á nosa situación, so en solucións. Iso non quere dicir que saibamos cal é, non temos unha bola máxica, nin podemos ver o futuro, pero estamos dispostas e dispostos a probar o que sexa para poder seguir facendo o que nos apaixona e que cremos que é moi necesario.

 Por suposto estamos desexando vernos, darnos apertas e bicos, porque non dicilo: ir de festa e facer unha das nosas xa celebres interpretacións no karaoke; pero algo que cada unha das persoas da Guagua devecemos por facer, é volver a traballar xuntas e ver os nosos sorrisos reflectidos nos das nenas e nenos que xogan con nós.

A verdade é que estou emocionado e orgulloso de dedicarme a algo tan bonito como o noso e, sobre todo (e desculpádeme o autobombo) de formar parte dunha equipa con xente tan positiva, xenerosa, agarimosa e profesional. Hoxe estoume facendo aínda máis consciente do moito que me aporta, que aprendo e do moito que botaría de menos se non estivese na miña vida esta profesión.

Moitas gracias a todas as persoas que teñen algunha responsabilidade en que eu chegara a parar aquí.

 Brais Rey Campos

Demo

Necesitas más información sobre algún servicio?
Envía tu consulta ahora.