¿Quieres ser parte de la comunidad de fiesteros de la Guagua?
Recibirás bonos descuento para nuestras fiestas y montajes, además de ideas y consejos para estar a la última en tus celebraciones. Tranquila, no seremos plastas?
La Guagua - animadores profesionales monitores titulados
Agora mesmo todo o equipo de animación de La Guagua está parado, coma ten que ser, ao igual que o resto do sector, o cal é lóxico. Todo parece indicar que a nosa será unha das últimas áreas económicas en poder reiniciar a actividade e isto, aínda que doa recoñecelo, tamén é bastante lóxico. Somos conscientes de que o noso traballo, polo xeral, implica xuntar moita xente, contacto, relación social directa e demáis cousas que, polo visto, van estar censuradas durante un tempo. Así que non nos queda outra que asumir unha situación que non nos augura moitas alegrías no futuro próximo.
Pero resulta que desde que nos tocou, como á maioría de xente, quedar confinadas e confinados na casa, comezou unha cousa que me parece preciosa e que quero compartir con vós. En todo momento as xefas foron sinceras connosco, a situación está mal, pero isto lonxe de desanimarnos púxonos a todas e todos en alerta. Resulta que desde que comezou isto non hai día que alguén non propoña un baile, faga un vídeo ou invente unha actividade. Eu mesmo decídome a escribir estas liñas (por iniciativa propia) xusto despois de gravar un vídeo de felicitación a un neno que cumpriu anos en corentena. Prodúcese o feito de que non só facemos isto pensando en que a xente nos vexa e non se esqueza de nós no parón, facémolo porque nos encanta, porque nos da vida e porque estamos desexando poder volver a xogar e arrolar sen límites.
Hai uns días, a partir dunha pregunta sobre os cursos de monitor xerouse un debate precioso sobre o que fai falta na nosa profesión, o importante que é, como a percibe a xente e que temos que facer nós para que se tome máis en serio. Foi intenso, interesante e saudable. Foi, ademais, a constatación de que cremos no que facemos e no seu poder transformador.
En ningún momento ninguén pensou en termos de problemas con respecto á nosa situación, so en solucións. Iso non quere dicir que saibamos cal é, non temos unha bola máxica, nin podemos ver o futuro, pero estamos dispostas e dispostos a probar o que sexa para poder seguir facendo o que nos apaixona e que cremos que é moi necesario.
Por suposto estamos desexando vernos, darnos apertas e bicos, porque non dicilo: ir de festa e facer unha das nosas xa celebres interpretacións no karaoke; pero algo que cada unha das persoas da Guagua devecemos por facer, é volver a traballar xuntas e ver os nosos sorrisos reflectidos nos das nenas e nenos que xogan con nós.
A verdade é que estou emocionado e orgulloso de dedicarme a algo tan bonito como o noso e, sobre todo (e desculpádeme o autobombo) de formar parte dunha equipa con xente tan positiva, xenerosa, agarimosa e profesional. Hoxe estoume facendo aínda máis consciente do moito que me aporta, que aprendo e do moito que botaría de menos se non estivese na miña vida esta profesión.
Moitas gracias a todas as persoas que teñen algunha responsabilidade en que eu chegara a parar aquí.
Xa sei que o titular parece algo moi negativo, pero en realidade pretendo facer un canto ao traballo que facemos e eliximos facer. Esta frase pronunciouna un tal Brais que se dedica á animación e se parece bastante ao que escribe estas liñas. A sentencia xurdiu no medio dun dos cursos que facemos tódolos anos na Guagua nos que nos xuntamos xente que leva anos no oficio e xente que acaba de comezar, repasamos conceptos, xogamos (para nós xogar é algo moi serio), perfeccionamos habilidades e desenvolvemos outras novas, aprendemos novas maneiras de enfocar as nosas capacidades e poñemos en común experiencias e pensamentos que nos xorden sobre este traballo.
Así pois, estabamos a debater sobre distintas ideas cando apareceu o tema de que este traballo esixía algunhas cousas que outros non e de súpeto eu sentín a necesidade de falar sobre isto (debo confesar que o feito de que eu tome a palabra non é nada estraño, o difícil xeralmente é que aguante calado) e dirixinme á xente que estaba querendo empezar no oficio para dicirlles algo coma "Mirade, os meus compañeiros poden dar fe de que me encanta o que fago e sempre estou desexando o próximo curro, pero, por favor, se non vos gusta non o fagades, non vale a pena". Mentres dicía isto non podía deixar de ver na miña cabeza imaxes de monitores aburridos xogando ós mesmos xogos de sempre, animadoras malencaradas poñendo música horrenda ao berro de "venga todos a bailar, no se puede no querer", vixiantes de inchable bebendo ou comendo mentres ignoran á xente que se subiu e está a saltar... E enchíame de magoa saber que hai xente que desaproveita a oportunidade máis marabillosa que nos brinda este traballo, que é a de pasalo ben mentres traballamos. Non so é unha vantaxe, para min é un requisito imprescindible ¿Como se vai divertir a xente contigo se ti non fas máis que demostrar o teu descontento?
Unha das miñas xefas repite sempre unha frase xenial que di algo así coma "Los niños te dan lo que reciben". Eu sempre a tivera en conta e intentaba aplicala, pero un día, cando xa perdera a conta das veces que a escoitara deille unha volta máis e pensei "agarda, non pode ser, ¿será tan sinxelo? ¿Se eu lles dou diversión elas e eles me devolven diversión? ¿Así de fácil?" Para min ese momento foi unha revolución. É certo que se trataba dunha verdade a medias porque atopei unha motivación verdadeira, pero de sinxelo non tiña nada. Mais a partir dese momento conseguín que un traballo que ata entón me gustaba, pero que en ocasións me resultaba un pouco angustioso (unha horda de nenas e nenos poden ser agobiantes), pasase a ser unha das miñas principais fontes de diversión.
Non quero dicir con isto que non haxa días que non me apeteza ir a traballar, pero si podo asegurar que, a día de hoxe, non hai ningún día que vaia a traballar e non remate pensando "hoxe paseino ben". Inda que ás veces tamén pense "que dura foi a animación de hoxe", unha cousa non quita a outra.
En resumo o que quero dicir con todo isto é que o mundo do ocio e o tempo libre precisa xente que ame o que fai, xente que se divirta traballando e xente que en canto empeza a moverse sabe que nese momento toca repartir felicidade traballando coa que se xera dentro súa.
Se estades nesta lista, estou desexando coñecervos e que compartamos historias.
Así que xa sabedes "Se non vos gusta, por favor, non o fagades".