Esta web utiliza cookies para obter datos estatísticos da navegación dos seus usuarios.
Se continúas navegando consideramos que aceptas o seu uso.

 
 

Se non che gusta, éste non é o teu lugar.

Se non che gusta, por favor, non o fagas.

Xa sei que o titular parece algo moi negativo, pero en realidade pretendo facer un canto ao traballo que facemos e eliximos facer. Esta frase pronunciouna un tal Brais que se dedica á animación e se parece bastante ao que escribe estas liñas. A sentencia xurdiu no medio dun dos cursos que facemos tódolos anos na Guagua nos que nos xuntamos xente que leva anos no oficio e xente que acaba de comezar, repasamos conceptos, xogamos (para nós xogar é algo moi serio), perfeccionamos habilidades e desenvolvemos outras novas, aprendemos novas maneiras de enfocar as nosas capacidades e poñemos en común experiencias e pensamentos que nos xorden sobre este traballo.

Así pois, estabamos a debater sobre distintas ideas cando apareceu o tema de que este traballo esixía algunhas cousas que outros non e de súpeto eu sentín a necesidade de falar sobre isto (debo confesar que o feito de que eu tome a palabra non é nada estraño, o difícil xeralmente é que aguante calado) e dirixinme á xente que estaba querendo empezar no oficio para dicirlles algo coma "Mirade, os meus compañeiros poden dar fe de que me encanta o que fago e sempre estou desexando o próximo curro, pero, por favor, se non vos gusta non o fagades, non vale a pena". Mentres dicía isto non podía deixar de ver na miña cabeza imaxes de monitores aburridos xogando ós mesmos xogos de sempre, animadoras malencaradas poñendo música horrenda ao berro de "venga todos a bailar, no se puede no querer", vixiantes de inchable bebendo ou comendo mentres ignoran á xente que se subiu e está a saltar... E enchíame de magoa saber que hai xente que desaproveita a oportunidade máis marabillosa que nos brinda este traballo, que é a de pasalo ben mentres traballamos. Non so é unha vantaxe, para min é un requisito imprescindible ¿Como se vai divertir a xente contigo se ti non fas máis que demostrar o teu descontento?

 Unha das miñas xefas repite sempre unha frase xenial que di algo así coma "Los niños te dan lo que reciben". Eu sempre a tivera en conta e intentaba aplicala, pero un día, cando xa perdera a conta das veces que a escoitara deille unha volta máis e pensei "agarda, non pode ser, ¿será tan sinxelo? ¿Se eu lles dou diversión elas e eles me devolven diversión? ¿Así de fácil?" Para min ese momento foi unha revolución. É certo que se trataba dunha verdade a medias porque atopei unha motivación verdadeira, pero de sinxelo non tiña nada. Mais a partir dese momento conseguín que un traballo que ata entón me gustaba, pero que en ocasións me resultaba un pouco angustioso (unha horda de nenas e nenos poden ser agobiantes), pasase a ser unha das miñas principais fontes de diversión.

Non quero dicir con isto que non haxa días que non me apeteza ir a traballar, pero si podo asegurar que, a día de hoxe, non hai ningún día que vaia a traballar e non remate pensando "hoxe paseino ben". Inda que ás veces tamén pense "que dura foi a animación de hoxe", unha cousa non quita a outra. 

En resumo o que quero dicir con todo isto é que o mundo do ocio e o tempo libre precisa xente que ame o que fai, xente que se divirta traballando e xente que en canto empeza a moverse sabe que nese momento toca repartir felicidade traballando coa que se xera dentro súa. 

Se estades nesta lista, estou desexando coñecervos e que compartamos historias.

Así que xa sabedes "Se non vos gusta, por favor, non o fagades".

Brais Rey (monitor-animador na Guagua)

 

#ARROLARSEMOLA

É a última canción da Guagua, interpretada por un auténtico arrolador profesional de 8 anos. 

Un canto á liberdade, a espontaneidade e á diversión.

Un xeito  moi eficaz de poñerte “modo on”  

Un recurso para sonreirlle á vida porque sí.

#Arrolarse é unha actitude! 

¿E ti que fas que ainda non arrolache?

Intentar ver a vida a través dos ollos dun neno ou dunha nena é o que facemos  tódolos días, e disto vai esta canción!

Aquí vos deixamos a letra:

Arrolarse mola, arrolarse mola, arrolarse mola, arrolateeeeee!!

Arrólate cada vez que poidas facelo

Arrólate sin pensar, non teñas medo

Arrólate como si che fora a vida nelo

Arrólate, si probas xa non deixas de facelo.

Arrólate! Arrolarse é o mellor da vida

Arrólate, sen pensalo e sen medida

Arrólate, 24 horas,  7 días

Arrólate, dende a mañán ata a noitiña.

Arrólate, cando non saibas que facer

Arrólate, non precisas un por que

Todo mellora si decides arrolarte.

Arrólate, cando estés de mal humor

Arrólate, o mundo farase mellor

Arrólate, ¿E ti que fas que aínda non arrolache?

Arrolarse mola, arrolarse mola, arrolarse mola, arrolateeeee.

Velaí vai o baile!! Pincha no enlace:)

Ensaio da coreografía oficial apta para peques "Arrolarse mola!"

Unha canción de #cancionesdecolores composta e producida por Manuel Ramil e interpretada por Manu Jr (o arrolador profesional da foto)

Ata o próximo post!

 

Ola, chámome Brais e son animador.

Con este comezo parecería axeitado que agora me contestasen un montón de voces a coro cun sonoro "Ola Brais" a que a partir de aquí comezase unha confesión dura e pesarosa de como cheguei a escuro mundo da animación. Sería un relato cargado de miradas avergoñadas ao chan e movementos nerviosos das mans e que remataría co meu firme propósito de non recaer máis nesta lúgubre situación.

Pois ben, nada máis lonxe da miña pretensión. Se adopto o ton de confesión é porque veño aquí a dicir que se me enche o peito cada vez que falo de que me dedico ao mundo do ocio e o tempo libre, especialmente á animación infantil. E gustaríame que este fose o punto de vista desde o que abordar calquera das cousas que poida contarvos por aquí. Así que podedes chamarme Brais ou animador orgulloso e por se queredes ler o que escribo, advírtovos que deixarei moitas mostras de miña paixón por traballar neste oficio. Un oficio que, en esencia, consiste en facer durante un tempo que a xente sexa máis alegre, este máis feliz e se divirta moitísimo. Así contado calquera querería traballar nisto, pero non esaxero, iso é exactamente o que eu penso do meu traballo, eu véxoo así  e por iso é que me encanta o que fago.

Xa vedes que son un tolo do meu traballo e por iso tamén teño un grande empeño en que se recoñeza, visibilice e regule. E polo tanto vou darvos unhas cantas pistas sobre como penso que somos (ou máis ben como non somos) a xente que nos dedicamos ao ocio. Non, non traballamos disto porque teñamos "moito tempo libre"; non, non é un hobby, nin un pasatempo, tomámolo moi en serio porque cremos que o que facemos importa; tampouco creo que este traballo o poida facer calquera, inda que penso que a todo o mundo lle viría ben intentalo; e (seguindo cos tópicos) pode que si estemos algo tolas e tolos, pero soamente porque cando traballamos derrochamos alegría pase o que pase.

Con estas premisas supoño que non vos sorprenderá se de vez en cando deixo caer por aquí tamén o que creo que debe facer e as condicións que debe ter unha persoa para ser boa profesional de animación.

Son animador (non sei se o dixera xa), profesor de teatro e intento ser actor. Gústame moito o humor absurdo e apaixoame aprender cousas novas. Creo que todo isto se reflicte na miña forma de ser, de traballar e de escribir. Así que queda todo o mundo advertido de que isto pode ser un pouco caótico, pero que seguro que intentará ser divertido.

 Todo isto, claro, irá aderezado con historias simpáticas e anécdotas de todo tipo coas que as pequenas e os pequenos nos agasallan cada vez que imos traballar. Son fontes incansables de diversión e sabedoría e esta me parece unha boa oportunidade para que compartamos estas xoias que nos brindan de maneira gratuíta.

En resumo, prometo facer todo o que poida por entretervos, prometo emocionarme con cada cousa que vos conte, prometo non falar mal de ninguén en concreto (pódense criticar cousas xerais sen entrar no persoal), prometo si falar ben de xente en concreto (porque creo que as cousas boas débense dicir ben alto e claro) e prometo que estarei encantado de escribir mentres vos desexedes ler.

Ola, chámome Brais e son animador e estou encantado de estar aquí. Ata o próximo artigo.

Talento, sonrisa y corazón

Cada vez son más las personas que nos preguntan qué tienen que tener para ser monitores o animadores, porque les gustan los niños. 

Y  nosotros lo tenemos claro: ganas, talento, sonrisa y corazón.

Continuar leyendo

Compromiso 100%

Hoy queremos presentaros a una persona de nuestro equipo.

Pero queremos presentárosla como a ella le gusta, a través de su trabajo, porque es muy discreta y no le mola nada el protagonismo (esto en nuestro equipo es algo digno de resaltar, porque la mayoría, como ellos mismos dicen, matan por salir en una foto;)

Continuar leyendo

Demo

Necesitas más información sobre algún servicio?
Envía tu consulta ahora.